Categorías

29/3/09

Don Martín

Cando Martín chegou á escola xa fora ó váter seis veces antes do almorzo. Era a súa primeira vez, nunca antes dera clase, porque as pasantías dadas na cociña da casa no verán non contaba, nin sequera tiña taboleiro! Pero iso si, hoxe tíñao todo clariño: aprendizaxe significativo, partir da realidade do alumno, traballar en grupos, chuvia de ideas, eixes transversais,.. que sei eu! Levaba un mundo de estratexias dentro da carteira nova que lle regalara súa nai cando o da oposición. El, como bo fillo, non dixera nada pero a carteira non lle gustaba moito, era como de avogado e a el houbera lle gustado algo máis moderno, de colgar ó lombo, pero xa se sabe ¡ madre solo hay una!

Pois aquí está Martín, coa súa carteira nova, un chaquetón de pana, unha perrera indómita que, polos nervios, non para de darlle para atrás, ¡só lle faltan os donuts! Este pensamento dos donuts fíxoo sorrir e collendo unha bocana grande de aire fixo a súa entrada no colexio. Xa estivera na véspera así que sabía perfectamente cara onde encamiñarse. Colleu polo corredor da dereita con paso decidido, mentres ía repasando mentalmente as estratexias da primeira clase "teño que parecer seguro de min mesmo, non darlles demasiada confianza o primeiro día, organiza-los grupos de traballo segundo as súas capacidades, presentarlles a programación da materia,…" e así entretido con estes pensamentos chegou a aula de 2º A , poñíao claro nunha cortiza de cores, respirou fondo, recolocou o floco cun xesto nervioso e abriu a porta con aire decidido...

Nada máis abrir o primeiro co que topou foron uns ollos grandes e negros enmarcados por unha cariña morena que lle di "ola eu son Fani ¿ti e-lo novo mestre? Mentres dicía isto a xitaniña collíao da man e levábao cara a mesa do profesor, dende alí Martín puido ver co claridade a situación: na esquina dereita dous repoludos rapaces pelexaban acaloradamente por algo que logo resultou ser unha goma de borrar en forma de Sin Chan, enriba dun pupitre de cara ó medio un miñaxoia emulaba cunha regra de 30 centímetros a última aventura do Capitán Jack Sparrow, diante del un pecoso de medio palmo empeñábase en comprobar se as trenzas da súa compañeira de pupitre eran de verdade ou eran extensións…

Martín pousou a carteira enriba da mesa e coa única man que lle quedaba libre, pois Fani obstinábase en non soltarse, dáballe unha e outra vez á perrera. De repente reparou nun neno sentado na primeira fila, estaba calado, ben sentado e coas mans debaixo da mesa, Martín pensou para si, "velaquí o formal da clase", aínda non ben acabara de formular este pensamento cando o "responsable" alumno sacou de debaixo do pupitre unha bola de papel perfectamente compacta que nun santiamén voou cara a fronte de Martín, que por certo, xa levaba un anaco ben colocado. Martín xa non puido aguantar máis, inchóuselle a vena do pescozo e berrou: "ou calades e vos sentades ou ides estar castigados sen recreo os próximos dez anos. Delincuentes, coño, que sodes todos uns delincuentes". Alá se foron clases de psicopedagoxía, seminarios de atención á diversidade, anos de facultade e cursos de formación. Menos mal que Fani o agarraba da man...
Por Anse