Categorías

20/5/09

Torta de queixo fría

Ingredentes para 6 persoas (se queres invitar a máis, xa sabes, dobra as cantidades e... avisa!):

1 litro de nata líquida
½ vaso de azucre
1 vaso de leite enteiro
1 sobre de xelatina neutra
2 sobres de callada
1 tarrina de queixo de untar
caramelo líquido

Preparación:

Pór a quecer a nata e o azucre e remexer continuamente, sen ferver. Parece que cansa, pero xa só o aroma promete.

Noutro utilitario deses de cociña (en fin, un cacharro, que é o mesmo) diluir a xelatina e a callada co leite. Cando estea desfeita, botar a mestura na pota da nata e seguir remexendo para que se ligue ben (aquí tamén parece que cansa, pero agora o aroma xa case é delicatessen).

Engadir o queixo de untar ata que toda a mestura estea homoxénea (non deixar ferver, ollo!).

Nun molde previamente caramelizado (coidado aquí, que se pegan os dedos coma a bota ao balón), botar a tarta e deixar enfriar a temperatura ambiente.

Despois meter no frigorífico e consumir ao día seguinte (ou de madrugada se non se resiste a tentación).

Faise nun intre (15 minutos) e de xeito doado. Fai unha e convida, que hai que avaliar os coñecementos!

Por Ana Gulías.